segunda-feira, 10 de fevereiro de 2014

Lecturas

Para os que queredes seguir os clubs de lectura do noso centro, xa o podedes facer clicando no blog que vos colguei na marxe dereita, O fío das palabras. Botádelle unha ollada aos últimos libros que lemos  por se vos entra o verme da lectura ou se queredes deixar algún comentario.

terça-feira, 4 de fevereiro de 2014

O GALEGO NA EMPRESA


Xa tedes o vídeo da charla que nos veu dar un dos socios fundadores de Caramuxo, camisolas de Galicia,  unha das empresas que apostaron e apostan polo galego desde hai anos. Se vos perdestes algún detalle...

camisetas galego


Aquí tedes o vídeo das camisetas que se fixeron no obradoiro da biblioteca, en colaboración co EDLG.
Botádelle unha visual!

domingo, 1 de dezembro de 2013

quinta-feira, 7 de novembro de 2013

Campaña do Moito eu!

Se queredes comprobar como foi a campaña do Moito eu organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, aquí vos deixo o enlace, pero facédevos seguidor@s do blog e aí poderedes seguir todas as novas. 
Clicade na imaxe...


http://cpimondariz-normalizacion.blogspot.com.es/



terça-feira, 17 de setembro de 2013

As sete mortes

Ourense, un home especial que traballa para un traficante de droga e ten que meterse pastillas todos os días. As feridas rexenéranse, sobrevive a todos os ataques. Ata que todo vai empezar a cambiar cando chega xunto a el un vello que morre no momento e lle deixa unha mensaxe. Aquí comeza unha especial aventura para descifrar quen é, por que é inmortal, quen era o vello...

Animádevos a resolver o misterio!!!



Ao principio da historia, un dos personaxes que é asasinado ten tatuado un tríscele no seu corpo. Esta tatuaxe terá un valor simbólico ao longo da obra.


Un tríscele é un símbolo celta formado por tres espirais entrelazadas, por tres pernas humanas flexionadas ou por calquera deseño similar que conteña a idea da simetría rotacional. Representa as tríades da vida en eterno movemento e equilibrio (ben sexa o Nacemento, a Vida e a Morte; o Corpo, a Mente e o Espírito ou o Ceo, Mar e Terra). É o símbolo identificativo de catro nacións europeas: a Bretaña, a Illa de Man, Galicia e Sicilia. Entre os trísceles destas catro nacións atopamos certas diferenzas; o de Man e o de Sicilia están formados por tres pernas dobradas e entrelazadas na rexión da ingua mentres que o tríscele galego está formado por tres medias lúas xirando sobre o mesmo punto. 

Benvida!!



Xa estamos de novo aquí, comezou o curso 2013/14 e con el traemos novas forzas e ánimos para traballar a prol da nosa lingua e da nosa cultura.
Iremos colgando cousiñas do voso interese ao longo deste curso, tanto para as clases como outras de carácter xeral. 
Bo comezo de curso a tod@s!!!

quinta-feira, 7 de fevereiro de 2013

Un pouco de poesía nunca matou ninguén...

Se considerades que eses poemas que escribides ás agochadas -si, sabémolo- merecen ser coñecidos por alguén máis que vós mesmos, aquí vos queda un lugar onde difundilos e, con sorte, conseguir un premio:



Para calquera aclaración, preguntádelle á vosa profesora.

segunda-feira, 28 de janeiro de 2013

Diario violeta de Carlota

O alumnado de 3º ESO estivo durante o 1º trimestre deste curso traballando coa obra de Genma Lienas Diario violeta de Carlota.

Fomos alternando a lectura do libro co comentario das mostras de machismo que iamos atopando tanto na propia obra coma no día a día do alumnado e da sociedade en xeral e despois de varios meses de traballo, puideron concluír que é unha lacra moi presente na sociedade do século XXI.
Dividimos o traballo en varias fases:
1ª) Lectura programada por semanas ou quincenalmente. Despois de realizar unha lectura individualizada na casa, comentáronse na aula os exemplos que ata o punto marcado para ese día atopaban no texto, alén de buscar outros exemplos alleos aos mencionados na obra. Tamén procuraron información sobre exemplos de discriminación da muller noutras culturas, colgamos algúns traballos:



quarta-feira, 9 de janeiro de 2013

A literatura é divertida!

Se queredes unha explicación diferente sobre o que son as principais figuras literarias ou tropos, aquí vos deixo unha, clicade nesta imaxe e veredes...


terça-feira, 8 de janeiro de 2013

O galego, na Radio Galega!!!

Escoitade este fragmento dun programa da Radio Galega; nel, unha oínte chama toda "indignada" porque a lingua que usa o locutor (lembro,  a muller chama á Radio Galega) é o galego.

Que opinades disto?

terça-feira, 20 de novembro de 2012

Recursos para traballar en galego

Cólgovos unha serie de enlaces nos que podedes entrar para descarregar exercicos e practicar ortografía (acentuación, b/v, h, etc...), morfoloxía (formación de plurais, femininos, conxugación verbal, etc...), sintaxe (análise de frases, oracións...) e literatura (comentarios literarios).











quinta-feira, 11 de outubro de 2012

LENDAS DE MONDARIZ

Xa comezou o novo curso e con el as forzas e as ganas veñen renovadas así que, imos propoñervos dende o Departamento de galego un traballiño para que empecedes a esticar os miolos. 


Como sabedes, as nosas lendas constitúen un ben inmaterial de grande valor, polo que, coñecelas, protexelas e difundilas é unha tarefa que debemos compartir entre tod@s. De aí que a nosa recomendación desta volta sexa animarvos a que fagades un traballo de campo e recollades todo aquel corpus lendario que faga referencia á vosa zona; ben sexan lendas referidas a lugares, mouros, capelas, aparecidos, santos, augas, etc...; todas teñen cabida e faremos o que estea na nosa man para poñelas en valor e dalas a coñecer ao resto do alumnado así como ás familias.
Aquí vos deixo o enlace dun centro que anda a facer algo parecido polas terras do norte; son alumnas e alumnos do CPI de Cabanas e as lendas que recollen, logo "cólganas" no seu blogue para dalas a coñecer ao resto. Clicade nel e descubride a lenda de Santa Margarida.


http://revoltalingua.blogspot.com.es/2012/10/a-lenda-de-santa-margarida.html?spref=fb


ANIMÁDEVOS VÓS TAMÉN!!!!!

quarta-feira, 4 de julho de 2012

Letras Galegas 2012

Máis vale tarde ca nunca así que... inda que cun pouco de retraso por motivos técnicos e outros, déixovos o vídeo do festival das Letras Galegas. Bo verán a tod@s!


quarta-feira, 13 de junho de 2012

Aviso para alumnado 4º ESO

En vista dos resultados dos exames, o próximo venres haberá unha recuperación da 3ª avaliación. @s que sabedes que non vos saíu ben este exame, ide preparando o do venres porque non temos máis días para facelo.
Carme.

terça-feira, 5 de junho de 2012

A música tradicional galega

Agora que se achega o verán e a época de seráns prolifera, cólgovos o traballo que realizaron tres alumnas de 4º ESO o ano pasado sobre a música tradicional galega.

segunda-feira, 21 de maio de 2012

Ataque Escampe!!!

Mirade que idea tan orixinal concibiron no IES Pintor Colmeiro de Silleda (ese que xa en tempos "Galegaran"  e que xa vos amosara o seu lipdub). Pois ben, desta volta, e para promocionar a música galega, organizaron o Videoghit; un concurso que consistiu fundamentalmente en que o alumnado realizara vídeos cunha base musical e imaxes propias e logo ao remate entregábanse uns premios ao estilo das grandes galas de cine. Nesta edición a cinta gañadora foi de Pedro Gil co tema musical A Granxa de Alexandre dos Ataque Escampe. 

Cólgovos o vídeo para que o vexades e... quen sabe... igual sacades ideas, por que non? 
Nós tamén podemos, ou non nos atrevemos?

Pondal e o celtismo

Todos os pobos teñen os seus mitos e heroes fundadores, todos eles máis ou menos históricos, máis ou menos ancestrais, máis ou menos fantásticos: El Cid na España, Vercinxétorix na Francia, Cuchulainn na Irlanda, Viriato en Portugal, Gilgamesh na Sumeria..., e Breogán na Galiza. O que nos interesa non é a veracidade histórica destas e outras figuras, mais o papel que xogaron -e nalgúns casos xogan- como referentes identitarios con repercusión na cultura popular, o folklore, a música ou a literatura.

No caso galego, e xa desde o comezo do proceso de recuperación da lingua e cultura galegas que se enceta a mediados do século XIX co Rexurdimento, o elemento céltico estivo presente e se mantivo, con diferentes revisións, reformulacións e adaptacións, activo desde aquela. Inicialmente apareceu perante a necesidade de asentar o movemento reivindicativo nuns alicerces firmes: cunha maioría social analfabeta, falante dunha lingua ágrafa e desprestixiada, e unhas clases medias e altas completamente asimiladas ou en acelerado proceso de selo, o único recurso era botar man dunha perdida Idade de Ouro, un pasado heroico e glorioso do que só ficaban pegadas en forma de restos arqueolóxicos, folklóricos e, especialmente, lingüisticos.


Así as cousas, cumpría procurar os nosos tetravós. E inicialmente a escolla non foi fácil: os dous principais historiadores galeguistas da época non estaban de acordo. Para Benito Vicetto foron os gregos os pais fundadores do pobo galego -remontando así as nosas orixes a Homero e guerra de Troia-, mentres Manuel Murguía defendía a nosa xinea céltica. Logo de diversos avatares entre os cales a temperá morte de Vicetto e a grande teimosía e o carisma de Murguía, o certo é que a opción que finalmente vingou foi a celta, coas seguintes consecuencias:
- O movemento Rexionalista en marcha dispón xa de lexitimación: o seu obxectivo non é construir algo novo, senón recuperar o que xa se tivo e se perdeu.
- A existencia dun pobo galego aséntase en dúas características diferenciais: a lingüistica e a racial.
O estudioso Justo Beramendi resume así o pensamento de Murguía:

"A verdadeira historia de Galicia principia co asentamento dos celtas, "padres y generadores de una población que lleva todavía impresa en el rostro las señales inequívocas de la raza a que pertenece". Estes celtas galaicos eran asemade unha raza e unha nacionalidade ben definida, dotada dun Volkgeist propio que, para Murguía, se caracterizaba pola valentía, o odio a toda dominación allea, a relixiosidade e o amor á terra (...) Murguía recoñece que non sabe moito da sociedade nin da economía dos celtas, pero albisca que "tal vez a la manera de las tribus germánicas, una igualdad primitiva reinaba en el reparto de la tierra, como parece indicarlo la especial cnstitución agrícola de Galicia". E dende logo está seguro que entre eles houbo druidismo.


(...) considera que o principal factor é a orixe racial celto-aria que fai do galego un "pueblo numeroso y superior -por ser por entero céltico, por ser el más germanizado y por no haberse contaminado con la sangre semita, que tanto domina en las comarcas levantinas y andaluzas". En efecto, os celtas "a través de los siglos y de las catástrofes históricas conservaron su fisonomía y sus rasgos más característicos".
Pero celtas, suevos e demais supostos arios tamén habitaran outros lugares de Europa e España, e non por iso todos os seus descendentes forman agora unha soa nación, nin a Murguía se lle pasaba tal cousa polo maxín. Si pensaba que os netos dos celtas deran lugar a unha familia de nacións irmás (Irlanda, Gales, Bretaña, Galicia...) entre as que había estreitos lazos raciais e étnicos que conviría potenciar noutros eidos, pero non por iso deixaban de ser, na súa opinión, nacións diferentes."


Para difundir as súas ideas Murguía valerase da literatura, e máis concretamente da poesía en lingua galega de dúas figuras sobre as que ten grande influencia: Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Todos tres coñecíanse desde moi novos, e tiñan compartido intereses desde os tempos do Liceo de la Juventud compostelán, pero cadaquén tiña diferentes caracteres, intereses e sensibilidades. Á hipersensíbel Rosalía o asunto céltico pásalle completamente ao lado: o lamentábel presente de Galiza e dos galegos é material máis que suficiente para a súa poesía; pola contra, o aristocrático e aristocratizante Pondal vai achar nesta (re)construción do pasado a motivación necesaria para deixar de lado o castelán dos Rumores de los pinos e embarcarse nunha obsesiva odisea poética.

O celtismo foi unha auténtica febre ou moda na Europa do século XIX, mais na Galiza tivo repercusións moito maiores: ligouse ás accións culturais, políticas e reivindicativas do Rexurdimento, e tivo o seu epicentro na Cova Céltica, a tertulia que acontecía na libraría coruñesa de Carré Aldao. Nesta xuntanza de intelectuais, eruditos, historiadores e escritores foi onde Pondal recibiu a alcuña de Bardo, denominación e responsabilidade que el aceptou coa maior seriedade. Na tradición dos pobos celtas o bardo era o encarregado de transmitir a memoria do pobo: nunha cultura ágrafa, eles eran os que mantiñan viva a Historia nos seus poemas e cantos. Ademais, Pondal arrogaríase un don que era propio dos druídas: o da profecía.

Son os bardos sapientes,

Que lei fatal lanzou,
Soñadores e vagos,
De sua condicion:
Por eso eu á min mesmo,
Non me conozo, non;
E escraman os camiños
Mesmos por onde vou:
Parece un pino leixado do vento,
Parece botado do mar de Niñons.

Mais Pondal non parte da nada: para crear a súa obra literaria emprega materiais tirados das estilizadas novelas históricas do escocés sir Walter Scott; dunha das máis famosas falsificacións literarias da historia, os poemas de Ossian escritos por James MacPherson e aínda dunha das escasas obras escritas onde os pobos celtas de Irlanda deixaron razón de si: o Leabhar Gabhala ou Libro das Migracións. Será precisamente nesta última obra onde o Bardo atope as referencias a Breogán e o seu fillo Ith, aos que outorgará a nacionalidade galega.



E da combinación de todos eses elementos, ao que se sumaría o seu xenio persoal e un coidado e atención ao idioma superior ao dos seus contemporáneos, sairán ensoñadoras e alucinadas descricións de lugares e heroes como as seguintes:

—Salvage val de Brantóa,

En terra de Bergantiños;
Ou val, amado dos celtas,
E dos fungadores pinos:
Cando Gundar prob' e 'scuro,
Sea d' este mundo ido;
No teu seo silencioso,
Concédelle, val amigo,
Sepulcro a modo dos celtas,
Tan só de ti conocido.

(...)
—Nobre Gundar, fillo d' Ouco,
Fillo de Celt, de Rou fillo;
Ou bardo dos negros ollos,
De nobre andar e garrido
Escudo, de voz gemente,
D' un acento nunca oído;
O rumor asomellante,
Do vento nos altos pinos:

Teus vagos e doces cantos,
Certo non desconocidos
Me son, e non veces poucas,
Os teño quezáis oído;
Ben no m' acordo s' agora,
Ou quezáis en tempo antigo;
Mais cos oídos da alma,
Que cos corpóreos oidos.

(...)
Amado dos nobres celtas,
Vello pinal de Froxán;
Os teus arbres, já encurvados,
O vento fai rebramar;
E ó musgo que os cubría,
Roto, ó lonxe caer vai.
En fria tarde de inverno,
He doce ó celta escoitar,
Apoyado na sua lanza,
Como funga ó huracan,
Nas tuas ramas antigas,
Q' á ráfaga encurvar fai.

Os teus pinos desde longe,
Na pendente do Brumar,
Son parecidos ós celtas,
Qu' en orden de guerra están.
(...)

Ou valente fillo d' Ogas,
E da doce e nobre Eiriz;
Para sempre quedará,
Longa memoria de tí:
E cando o fillo dos celtas,
No tempo que está por vir,
Pensativo camiñante,
Pase quezáis por aquí;
Cando no tempo en que gia,
Se vexa a luna lucir,
Dirá ó verte desde longe:
—O valente Brandomil,
Saído da gentil e boa raza
Dos celtas, repousa alí.


A vixencia do celtismo como referente identitario para boa parte dos galegos podemos comprobala en programas como Terras de Merlín, emitido hai uns anos pola TVG e do que podemos ver un resumo aquí.
E aínda, se temos máis vagar, darlle unha olla a este debate.
Neste blog recóllese unha completa análise das orixes do fenómeno celta en Galicia.
E, por último peor non menos importante, a explicación que QUICO CADAVAL deu no seu momento do noso himno.

terça-feira, 15 de maio de 2012

LETRAS GALEGAS 2012

Como sabedes, este ano as Letras homenaxean a figura de Valentín Paz Andrade.
Para comemorar dun xeito diferente este día, anímovos a que lle botedes unha ollada a este vídeo que vos colgo no que diferentes persoeiros da cultura galega analizan a situación actual da nosa lingua. Mirádeo, reflexionade, opinade... e...

Faládea!!



segunda-feira, 30 de abril de 2012

Concurso!

Como parte das celebracións do 17 de maio, a Xunta vén de convocar un concurso de textos de amor -en galego, enténdese-, para os mozos e mozas. Quen estea interesado en participar ten toda a información nesta ligazón.